09 de juny 2006

Manifesto ante da celebración do "Gran Encontro de gallegos del mundo"

Diante da celebración do II "Gran Encontro (sic) de gallegos del mundo" (9, 10 e 11 de xuño) organizado pola Asociación de Empresarios Gallegos en Cataluña (AEGA-CAT) coa colaboración de Federación de Entidades Gallegas de Cataluña; que dá continuidade ao recinto do Fòrum, un recinto produtto da especulación que se intenta rendibilizar enchéndoo con contidos estraños á vida cultural da cidade, dende o ESPAZO GALEGO DOS PAÏSOS CATALANS queremos manifestar o noso rexeitamento a este tipo de acontecementos:

-DENUNCIAMOS que os organizadores queren que a xente confunda "galeguidade" con "empresariado galego". Entendemos que as grandes empresas unicamente se poden representar a elas mesmas e os seus intereses. Isto queda claro neste acto, onde os lemas "cultura" e "xentes" disfrazan o "encontro de emprendedores", que deixa de banda a suposta finalidade do evento.
-EXIXIMOS aos organizadores que expliquen claramente cales son os obxectivos da celebración, máis alá do envoltorio cultural co que a revisten.
-PREGUNTAMOS : se unha das supostas intencións do "encontro" é dar a coñecer a Galiza actual, por que os problemas reais da Galiza non aparecen enunciados en ningunha das conferencias ou actos programados? Estamos pensado especialmente naquelas condicións socio-laborais que obrigan as galegas e aos galegos a ir por "el mundo".
-INTERÉSANOS saber por que, si queren promocionar a cultura galega, esquécense dos seus signos de identidade, coma, por exemplo, a lingua, ausente na publicidade impresa. Denunciamos tamén a total ausencia do catalán, lingua propia da sociedade na que vivimos, tanto no programa como en toda a información e publicidade do acto. Realmente, quérese ofrece unha imaxe da Galiza libre de tópicos? Baseándonos no programa do "encontro", denunciamos que se promove unha visión reducionista, folclorista e acrítica da cultura galega que reduce a visión da Galiza ao folclorismo máis esencialista, buscando soamente a promoción empresarial descarada dalgún dos seus participantes.
-EXIXIMOS ás administracións públicas que especifiquen o seu grado de participación no proxecto. Referímonos á Xunta de Galicia, ao Concello de Barcelona, ás deputacións de Barcelona e Lugo, e á Generalitat de Catalunya. E, SOBRETODO: queremos saber si esta participación implica a inversión de cartos ou recursos públicos no acontecemento. Rexeitamos a falta de transparencia que envolve o "encontro". Esiximos que se aclaren as contas e os obxectivos reais deste acto. Si os empresarios queren facer propaganda política subliminal ou promoción das súas entidades lucrativas, que o fagan, pero cos seus cartos, e non cos das catalás e dos cataláns, nin cos das galegas e dos galegos, nin cos de ninguén.

Barcelona, 7 de xuño de 2006
Espazo Galego dos Països Catalans