30 de gener 2006

Breves

-O director do coro Lonxe da Terra, César del Caño, manterase no seu posto, tras acordalo a asemblea xeral do Centro Galego de Barcelona o 28 de xaneiro. O compositor presentara días antes a súa demisión pola falta de entendemento con algúns socios do Centro Galego de Barcelona, entidade á que pertence a agrupación coral.

- Constituíse en Barcelona unha asemblea local de Galiza Nova, a formación xuvenil do BNG. O colectivo ten como retos achegarse aos mozos galegos que viven en Cataluña e integrarse en distintas iniciativas como a voz da mocidade nacionalista emigrada.

-O concello de Sant Andreu de la Barca (BCN), onde xa hai un parque dedicado a Rosalía de Castro, vai dedicar outro dos seus parques a Castelao. Nas obras de construcción e deseño colaborará a Consellería de Cultura da Xunta. Este achegamento de Sant Andreu á cultura galega é propiciado polo escritor galego Xosé Lois García, director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu. Máis información.

27 de gener 2006

Contáronse os "contos do Frío"

O pasado mércores 25 de xaneiro ás 20.30 a agrupación teatral Furafollas representou a terceira entrega dos seus contos. Despois dos de Mortos, en novembro, os de Nadal, en decembro, chegaron os do Frío. Volveuse a encher a Galería Sargadelos neste encontro da Cultura Galega en Barcelona que vai camiño de converterse nun espazo cultural consolidado. No mes de Febreiro máis, neste caso serán, como non, os Contos do Entroido.

25 de gener 2006

Windows XP en Galego

Cunha descarga de 5 Mb podes traducir o teu sistema operativo Windows XP ao galego. Só tes que premer aquí.

Pero, aínda hai máis, a Comisión Europea ven de anunciar a sanción imposta a Microsoft por "abuso de posición dominante" pola que se lle obriga a publicar o código fonte do Windows. Isto non quere dicir que o Windows vaia ser de balde, pero fará que Microsoft teña que revelar moitos dos seus segredos mellor gardados. Un paso máis na loita contra as patentes de software.

19 de gener 2006

Contos do Frío. Mércores 25 ás 20h.

A agrupación teatral FURAFOLLAS volve cunha nova entrega de contos, neste caso serán os CONTOS DO FRÍO. Na Galeria Sargadelos de Barcelona (Rúa Provença 276, 08008. Tlf./Fax: 93 2150368). Non faltedes á cita.

16 de gener 2006

Galicia máis preto


O deputado do BNG no congreso, Francisco Rodríguez, anunciou que pedirá ao goberno do estado unha reducción de dúas horas na duración do traxecto entre Barcelona- Vigo/Coruña. O deputado ferrolán, que falou en rolda de presa o pasado venres 13 de xaneiro en Santiago, tamén dixo que solicitará a sustitución do tren diurno por un tren talgo o outro tren de prestacións semellantes, como os empregados no resto do estado. A petición do BNG da conta dos moitos problemas que hai na actualidade coa conexión por tren entre Galicia e Catalunya, sen ir máis lonxe, os acontecidos este nadal.

15 de gener 2006

Fraga en TV3

O programa La nit al dia, dirixido e presentado por Mónica Terribas en TV3, emitirá o luns 16 unha entrevista co ex presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, gravada desde a Coruña.

Óbito

Faleceu o cura que oficiaba as misas en galego en Barcelona, Jacinto Fernández Cueto, natural da zona do Barco de Valdeorras. Fernández Cueto, que tamén exerceu de mestre, oficiou moitas das misas de campaña que organizaban as entidades galegas en Cataluña e era unha persoa coñecida e querida pola comunidade de galegos. Ademais, tiña colaborado no programa de radio “Morriña”, dirixido por Manolo Piñeiro. O noso máis sentido pésame aos familiares e amigos.

11 de gener 2006

Volven os contos á Galería Sargadelos (Mércores 25 ás 20h)

A agrupación teatral FURAFOLLAS volve cunha 3eira entrega de contos, neste caso serán os CONTOS DO FRÍO. Na Galeria Sargadelos de Barcelona (Rúa Provença 276, 08008. Tlf./Fax: 93 2150368). Non faltedes á cita.

09 de gener 2006

Achégase o Entroido ourensán

Dende o 12 de febreiro co chamado Domingo Fareleiro ata o 1 de marzo co Enterro da Sardiña, pasando polo Domingo Oleiro, xoves de comadres, Domingo Corredeiro, xoves de compadres, Martes de Entroido... toda a provincia de Ourense vivirá nunha festa continua, chea de cores, ruído, gastronomía, viño, música tradicional e por riba de todo presenza da retranca galega por tódolos recunchos.

Colaborador de ERGAC co traxe de Felo en Maceda no entroido 2005 (dereita)

O Entroido en Ourense é vencellado con festas pagás da protohistoria, feitizos de fecundidade, pagos de impostos na Idade Media, diferentes cultos o viño, motivos relixiosos e sociais da nosa historia recente e moitas outras orixes que fan que as diversas celebracións que hoxe se nos amosan, ofrezan unha grande mistura de tradicións. Cada vila fai o súa particular festa: Laza co Peliqueiro, Verín co Cigarrón, Maceda co Felo, Xinzo de Limia coa Pantalla, Sarreaus co Vergalleiro, Allariz coa Charrúa, Vilariño de Conso cos Folións, Viana co Boteiro, Manzaneda a Mázcara, en Oímbra os Fachóns...
ERGAC prepárase para ofrecervos toda a información do que aconteza con conexións en directo cos nosos colaboradores nas diferentes vilas da provincia de Ourense.

02 de gener 2006

O Estrella Galicia fai das súas



O tren Estrella Galicia que cubre o traxecto Barcelona-A Coruña-Vigo foi noticia neste Nadal polos continuos retrasos e incidentes aos que estiveron sometidos os viaxeiros. O suceso máis destacado foi o parón de cinco horas, sen luz e calefacción, que sufriu o convoi na noite do 25 de decembro, a quince quilómetros de León, a dous graos baixo cero, de xeito que a viaxe final durou un total de 24 horas. Ademais, como sempre por estas datas, as prazas para viaxar a Galiza esgotáronse aos poucos días de sacar os billetes á venda, algo que se repite todos os meses de decembro sen que Renfe poña remedio. Ao parecer, a compañía ferroviaria anunciou que para o ano 2008 entre A Coruña e Barcelona funcionará o Trenhotel, como o que vai a Madrid. A pesares de lento, impuntual e pouco espazoso, aínda hai quen lle ten querenza ao “Shangai”; polo tipo de locomotora, pola paisaxe do seu percorrido, ou precisamente porque cada viaxe pode converterse nunha auténtica aventura.

01 de gener 2006

Carles Riba en galego

A ver se algún día alguén se anima a facer unha antoloxía poética que recolla a obra dos poetas cataláns que escribiron en galego. Se lles interesa o tema, recomendámoslles que lean os poemas de amor que o escritor Carles Riba (Barcelona, 1893-1959) lle dedicou en 1911 a Pepita Vila, unha moza galega da que namorou e que o inspirou para facer lírica neotrobadoresca. Os poemas manuscritos son propiedade do Servei de Biblioteques i del Patrimoni Bibliogràfic da Generalitat.

I
Si xa algún dos meus cantares
ouvido che parecera
coida qu'eles son d'amor
y amor é cousa moi vella

II
Eu topei meniño Amor
antre rosas que chorava
porque perdeu unha d'elas
y eras ti, qu'eu lle roubava.

VI
Branca rosa, fresca rosa,
doce meniña d'amor,
teu amor é todo rosas
brancas rosas e canciós.

VII
Eu chorei cando partiche,
cando partín ti chorache,
e non puido noso amor
con tanta bágoa apagarse.