28 d’octubre 2006

As eleccións ao Parlament a través da ollada galega

O programa Rec Cámara, un novo espazo producido polos servicios informativos da Televisión de Galicia, dedica este sábado o seu informe a pulsar a opinión da colonia galega que reside en Cataluña, ante as eleccións autonómicas do próximo 1 de novembro. Aproximadamente 85.000 galegos teñen dereito a voto nestes comicios. A vivenda e a inmigración son algunhas das súas principais preocupacións. O programa pode seguirse ás 21.00 , despois do telexornal, a través da web da CRTVG.

Mulleres no tempo



Imaxes de Xabier Paradelo

Imaxes da actuación da agrupación teatral Furafollas no Centro Galego de BCN, o pasado 21 de outubro, co espectáculo "Mulleres no tempo", dentro do ciclo "Troleiros da Provença".

25 d’octubre 2006

O escritor Diego Ameixeiras, premio Xerais de novela 2006 visita Barcelona

- Martes 31 de outubro
*16:30h: charla na Universitat Autònoma de Barcelona, co título "Dez razóns para facer literatura nunha lingua indíxena". Aula 112 da Facultat de Lletres.

*19:30h: coloquio organizado polo club de lectura de Cerdanyola del Vallès arredor da novela "O cidadán do mes". Centro Galego de Cerdanyola del Vallès.

- Xoves 2 de novembro
*20:00h: Presentación do seu último libro "Tres segundos de memoria", Premio Xerais de novela 2006. Galería Sargadelos de Barcelona.

22 d’octubre 2006

XXII Festival de Música Galega en Barcelona

O vindeiro 28 de Outubro de 2006 ás 17:30h no Palau de Congressos de Montjuïc xunto á Plaça Espanya a A.C. Amigos da Gaita Toxos e Xestas de Barcelona organiza o XXII Festival de Música Galega en Barcelona no que se pretende achegar a Catalunya unha mostra da cultura e tradicións de Galicia. Este ano participarán os músicos, humoristas e grupos:
- ASOCIACIÓN CUTURAL DONAIRE – Grupo de Danzas d'A Coruña
- CREMA DE GAITA – Grupo Folk de Vigo
- MIGUEL LAGO - Humorista de Vigo
- XERFA – Grupo Folk de Vigo
- PEPE VAAMONDE GRUPO – Coñecido grupo d'A Coruña
- TANXEDORAS DO PANDEIRO - Pandeireteiras de Vigo
- BANDA DE GAITAS TOXOS E XESTAS

O festival será presentado por : FERNANDO ONEGA

As entradas estarán á venda nos puntos habituais, no propio local da asociación (Casa del Rellotge) ou no mesmo Palau de Congressos dende as 16:30h.
Para calquera consulta ou dúbida, póedense poñer en contacto coa asociación a través do web www.toxosexestas.com , por e-mail: escol@toxosexestas.com ou en cualquera dos seguintes teléfonos: 93 441 02 83 / 93 428 47 98 / 93 418 86 76.

21 d’octubre 2006

A Fegalcat estrea web oficial

Federación de Entidades Galegas en Catalunya vén de estrear a súa web oficial, na que se ofrece información dos 15 colectivos galego-cataláns que conforman a federación, así como das actividades que organizan. Tamén hai foro e álbums de fotos.

11 d’octubre 2006

Conferencia sobre os incendios

Mesa redonda : "Incendios forestais en Galicia. Causas e Solucións", coa intervención de Javier Retana, director de CREAF (Centre de Recerca Ecològica i AplicacionsForestals), Moncho Ramos, sociólogo da UAB, e Vitor Cabral, de Espazo Galego. O xoves 19 outubro ás 20.00 horas na Galería Sargadelos, sala Castelao (Provença, 276).

Apertura dos cursos de lingua e cultura galegas

Conferencia de Antón Costa Rico, baixo o título "Galicia: reino, nación e comunidade europea. O desenvolvemento cultural", con motivo da apertura dos cursos de lingua e cultura galega para adultos da Universitat de Barcelona. O venres 20 de outubro ás 18 h na aula 111 do Edifici Històric da UB (Gran Via de les Corts Catalanes, 585).
Costa Rico (Castellar de la Frontera, 1952) é profesor de historia da educación na Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos fundadores do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e das revistas As Roladas e Revista Galega de Educación. Entre os seus libros recentes destacan Sarmiento: vida e obra (2002) e Historia da educación e da cultura en Galicia (2004). Organiza Filologies Gallega i Portuguesa, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

01 d’octubre 2006

II Foliada no Ateneu Popular de Nou Barris


O Ateneu Popular de Nou Barris recunca como espazo para a cultura galega viva, coa celebración, do 6 ao 7 de outubro, da II Foliada, un festival multidisciplinar que trae a Barcelona as novas tendencias culturais galegas e que pretende consolidar vías de comunicación entre as dúas culturas, catalana e galega, aproveitando para a creación de vías de contacto.
A II Foliada é unha continuación da primeira edición celebrada no 2003. Nesta ocasión actuarán os grupos galego-cataláns Rumborachera e La Pegatina, ademais doutros procedentes de Galicia como Skarnio, A Compañía do Ruido ou GalezoZ, entre outros; todos eles forman parte, do disco colectivo A Per Loca , que será presentado dentro dos actos do festival.
Durante a Foliada tamén se dará a coñecer a plataforma cultural Rede.cat, formada por colectivos implicados na potenciación da cultura galega en Catalunya e con experiencia na organización de actividades cívicas e culturais galegas, como Espazo Galego dos Països Catalans, Furafollas Agrupación Teatral, Foro Cívico Galego, Espazo Polifónico, ERGAC, Asociación Xohan de Requeixo, A Lonxa Arte, La Xina Art, FDG Cultural, Filoloxía Galega da UB, o Lectorado de Galego da UAB e Galauda.