21 de febrer 2006

J.Blanco e Artur Mas coinciden no Entroido

A Agrupación Cultural Saudade, presidida por Ernesto Lagarón, celebrou o pasado sábado en Barcelona a festa do Entroido, coa asistencia dunha nutrida representación institucional na que destacaban o galego José Blanco, secretario de Organización do PSOE, Artur Mas, presidente de CIU, e Joan Clos, alcalde de Barcelona. Segundo publicou La Voz de Galicia (20/02/2006 sección España) os dous dirixentes cataláns referíronse á achega dos galegos na construción da sociedade barcelonesa e, ademais, Mas e Blanco polemizaron medio en broma durante a súa intervención, un en catalán e outro en galego, sobre se aquela xuntanza era unha mostra da “Cataluña plural” ou da “España plural.

17 de febrer 2006

Sortim al carrer


Ergac, BNG e Espazos Galegos dos Països Catalans son algúns dos colectivos galegos que apoian a manifestación prevista para o sábado 18 de febreiro en Barcelona, baixo o lema "Som una nació i tenim el dret de decidir". A marcha partirá da Praza de Espanya ás 17.00 horas. Os galegos xuntaranse ás 16.45h na Torre da dereita do Paseo Maria Cristina, mirando cara a Montjüich.

14 de febrer 2006

Nova editorial de tradución ao Galego

Vén de constituírse Rinoceronte editorial que ten como obxectivo editorial traducir obras contemporáneas ao galego. O Galiza algo...máis entrevistará este sábado vindeiro 18 de febreiro ás 17h no 103.2 FM ao seu responsable, Moisés Barcia.

10 de febrer 2006

Xa está na rúa o AMP de febreiro

Xa está na rúa o número 70 do boletín A Micro Pechado (AMP), correspondente ao mes de febreiro. Nesta ocasión, a persoa entrevistada é Camilo Nogueira, membro do BNG, que nos fala sobre as reformas estatutarias de Galiza e Catalunya. Ademais, inclúense as seccións habituais de opinión “Tempus fugit” (María Barallobre), “Deitado frente ao mar” (Antón F. Escuredo) e “El racó d´en Tocaous” (Pau Navarra), sen esquecernos dos comentarios de fraseoloxía de Alberte Montes, coa súa columna “Como di miña nai”, e as reflexións de Paulo Jablonski (“Petiscos da raia”) e de Xoán’06 (“Historias de onte e hoxe”). Os apuntamentos de historia chegan da man de Cristina Crespo, que fala dos aparellos que se usaban en Galiza antes da aparición da luz eléctrica, e Martí Aviñoá analiza nesta ocasión a lei antitabaco. Como sempre, temos unha nova entrega dos contos de Lito Caramés, unha completa axenda das actividades do vindeiro mes, toda a actualidade da comunidade galega en Catalunya e algunha que outra sorpresiña de Entroido. Lembrámoslles que poden recibir na súa casa o AMP, previo pago dunha cota anual simbólica de 20€. Tamén poden consultar en liña os números atrasados en formato PDF.

07 de febrer 2006

Contos do Entroido en Sargadelos


O grupo Furafollas séguenos agasallando co luxo de ver teatro galego en Barcelona, e de balde. O ciclo de narración oral “Os Troleiros da Provença” continúa na Galería Sargadelos (Rúa Provenza, 276) e este mes tócalle o turno aos Contos do Entroido. O 15 de febreiro, ás 20:30 horas.

Febreiro farturento

Semella que febreiro se presta aos actos sociais porque neste mes teñen lugar varias celebracións da comunidade galega en Cataluña. Por unha banda, o 4 de febreiro, o Foro da Terra Galega homenaxeou no Hotel Princesa Sofía o “Galego do ano”, galardón que nesta ocasión recibiu Julio Fernández, o presidente de Filmax. Se queren saber máis desta celebración, poden consultar a revista “Raíces Gallegas”, que fala nesta reportaxe en pdf do Foro da Terra e de anteriores persoeiros homenaxeados.
Outra cita “selecta” que xa vai pola súa vixésimo cuarta edición é a Gran Noite de Galicia en Barcelona, unha cea-gala organizada pola Enxebre Xuntanza do Percebe, o 24 de febreiro no Hotel Rey Juan Carlos I. Como cada ano, a organización editou para o evento a revista Quien e prepara a entrega das insignias Percebe de Ouro e de Prata.
Por último, hai que apuntar que xa en marzo, o día 5, terá lugar o VI Concurso de Música e Baile Tradicional Galego en Cataluña, organizado pola Federación de Entidades Galegas de Catalunya. Poden descargar na rede as bases e a folla de inscrición.

05 de febrer 2006

Galiza Nova entrevistada no Galiza algo máis


O vindeiro sábado 11 de Febreiro de 2006 o programa Galiza algo máis (Sábados de 17 a 18 h no 103.2 FM) entrevistará en directo a algún dos representantes de Galiza Nova, entidade política da mocidade vencellada ao BNG, que vén de constituírse en asemblea local en Barcelona. Como sempre a realidade social dos galegos/as en Cataluña no programa galego dos sábados: Galiza algo máis.