27 de novembre 2005

Chegou a ola de frío polar

E no centro de Barcelona tamén se poden mercar castañas do Barco de Valdeorras. "Son as mellores", aclarou a señora, de Sarria, o domingo á noitiña, no seu posto a carón do mercado de Sant Antoni.

Estragan o busto de Rosalía de Castro en Mollet



Así quedou o busto de Rosalía de Castro, titulado "Mirando a Galicia", instalado na praza de Padrón de Mollet, logo dun acto vandálico do que se sabe moi pouco. Independents de Mollet pediulle ao Ajuntament que abrise unha investigación. A foto publicouna o diario gratuíto 20 Minutos, edición de Barcelona, o pasado 16 de novembro.

23 de novembre 2005

Nova directiva da Federación de Entidades

Presidente: Luís Lamas (Centro Galego de Barcelona)
Vicepresidenta: Isabel Ares (Irmandade Nosa Galiza de Mollet del Vallès)
Secretario: Domingo Balboa (Cova da Serpe)
Tesoureiro: Arsenio Castro (A.C. Toxos e Xestas)

19 de novembre 2005

Sobre o asociacionismo galego en Catalunya

Os que queiran afondar no coñecemento da realidade das entidades socioculturais galegas en Catalunya, poden botarlle un ollo á revista Renova Galiza. Lanzada o 25 de xullo de 2005 polo Foro Cívico Galego de Barcelona, esta publicación sobre pensamento cívico contén unha radiografía da comunidade galega e conta coas voces de moitas entidades, ademais das propias. Os que desexen coñecer a historia de Ergac, tamén poden facelo na vella web de Ergac.

Eleccións á Federación de Entidades Galegas

A Federación de Entidades Galegas de Catalunya (FEGC) celebra o domingo 20 de novembro eleccións á presidencia. Quince colectivos galegos con sede en terras catalás están chamados a elixir entre dous candidatos, Luís Lamas, director do Centro Galego de Barcelona (CGB), e Ernesto Lagarón, que exerce a actual dirección da FEGC e preside, á súa vez, a asociación Saudade. A FEGC foi creada en 1990 para xuntar os esforzos de todas as entidades galegas que estaban traballando en Catalunya na organización de todo tipo de actividades. Os Estatutos da federación establecen unha presidencia rotatoria cada dous anos, que estaría ocupada por cada unha das asociacións, mais na práctica, a actual dirección perpetuouse no poder durante 16 anos. Por outra banda, a Federación non inclúe as novas formas de asociacionismo galego que xurdiron en Barcelona nos últimos anos, e que aglutinan á xente máis nova e crítica, como os Espazos Galegos dos Països Cataláns, o grupo teatral Furafollas, o Foro Cívico Galego de Barcelona ou mesmo Ergac. Darémoslles conta do resultado destas eleccións e das incidencias que haxa.

Sarabela Teatro en Tortosa

O grupo Sarabela Teatro está por terras catalás o 22 de novembro, participando no Festival Internacional de Teatro de Tortosa, "Entre cultures". A compañía representará "Así que pasen 5 anos", de Federico García Lorca, baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda. Será ás 19'00 h, na Carpa Auditori.

O cinema político de Carlos Varela

A Galería Sargadelos de Barcelona, en colaboración co Espazo Galego dos Països Catalans, e a Facultat de Lletres da UAB, proxectan os días 21 e 22 de novembro o documentario Cineclube Carlos Varela (CCCV). O filme artella, a partir do material gravado polo realizador nos anos 70, unha memoria en celuloide das loitas populares na Galiza, así coma do propio e porfiado labor político do autor das imaxes, falecido prematuramente en 1980. En ambos os dous pases o director e montador da fita, Ramiro Ledo Cordeiro, participará nun coloquio final, aberto ao público.

Luns 21 de novembro: 20 h, Galería Sargadelos de Barcelona
C/Provença, 247-276

Martes 22 de novembro: 16.30 h, Universitat Autònoma de Barcelona
Aula 502, Facultat de Lletres

Centro de Documentación de Nunca Máis


A Plataforma Nunca Máis de Catalunya presentou o 19 de novembro o Centro de Documentación Nunca Máis de Catalunya, un espazo na rede que recompila "toda a documentación atesourada ao longo destes tres anos" pola plataforma, e que pronto terá unha sede física na Facultade de Náutica de Barcelona. Con este centro, a Plataforma quere dar a coñecer á sociedade "información completa e de calidade sobre a catástrofe do Prestige, sobre as súas causas, consecuencias e responsábeis". Ademais, con motivo do 3º aniversario do afundimento do Prestige, o colectivo tamén inaugurou na Galería Sargadelos de Barcelona (R/Provença, 276) a exposición "No País de Nunca Máis", con fotografías de Xurxo Lobato.

14 de novembre 2005

Dándolle vida aos Mortos


O mércores 9 de novembro a Galería Sargadelos encheu e escureceu o auditorio para escoitar historias do alén. A agrupación teatral Furafollas poñía en escena unha iniciativa moi interesante: contar contos. Neste caso Contos de Mortos. Todo aquel que coñece o universo galego sabe da pegada que ten o mundo de aló no de acó. Esa presenza do trasmundo nestoutro mundo de aquí foi recollida, como non, na tradición oral. No caso galego o patrimonio oral que xira ao redor desta temática é abraiante. Pero todo patrimonio debe ser actualizado e vivido para que sexa útil e mesmo para que continue o seu arrequecemento. E iso foi o que fixo Furafollas: dar voz e vida aos Contos de Mortos.Os compoñentes de Furafollas, negramente vestidos e coa cara branca de pantasma, foron desfilando polo entarimado poñendo intriga e desacougo no relato narrado e figurado por eles ao mesmo tempo. A conexión e complicidade co público foi absoluta. Un acerto sen dúbida esta nova proposta de Furafollas que, segundo anunciaron, terá periodicidade mensual. Así que en decembro volveran con Contos de Nadal.

13 de novembre 2005

"Els voluntaris del Prestige", tres anys desprès

El dilluns dia 14 de novembre a les 19.30 hores al Centre Cívic Sant Joan, s'inaugura l'exposició fotogràfica " Els voluntaris del Prestige", de Raimon Moreno, membre del col•lectiu fotogràfic Fotoitaca de l'AV de Sant Joan. Està previst fer una xerrada col•loqui per analitzar la situació actual, amb Vitor Manoel Cabral, representant de la plataforma Nunca Mais de Catalunya . Aquest treball, que està format per una trentena d'imatges que es van fer entre els dies 22 i 27 de desembre de 2002, vol plasmar l'esforç que la població civil va fer vers la tragèdia de l'enfonsament del petroler Prestige. La exposició romandrà oberta al Centre Cívic Sant Joan de Vilanova i la Geltrú fins al dia 2 de desembre.

Quince anos de Morriña


Con máis de 1.300 programas, “Morriña” é o espazo de Ergac con máis horas de emisión. Ao seu condutor, o ourensán Manolo Piñeiro, nado no extinto concello de Canedo, entroulle o becho da radio cando, como moitos outros restauradores galegos, comezou a colaborar cun emisora local proporcionando receitas de cociña. Pero non quedou aí a cousa, porque o 11 de setembro de 1990 saía en antena co seu propio programa, “Morriña”, dirixido á comunidade galega. Gústalle contar que nos seus comezos só dispuña de catro discos de música. Ata que día unha muller chamoulle á atención en directo por repetir sempre as mesmas cancións e, tras facer un chamamento aos oíntes, nunha semana xuntou máis de cen CDs. O programa de Piñeiro sempre está animado por un bo número de colaboradores, no estudio ou ao teléfono.

09 de novembre 2005

LUAR NA LUBRE de xira por Cataluña


O novo disco de Luar na Lubre, "Saudade", é unha homenaxe aos galegos emigrados en Latinoamérica e inclúe composicións feitas no exilio, poemas de Lorca en galego dedicados a Bos Aires, pandeiradas para o Che desde Venezuela e temas propios do grupo. Poderemos ver a presentación deste novo traballo en tres cidades catalás:
11 de novembro
L’Espai de Dansa i Música de la Generalitat de Catalunya, Travessera de Gràcia, 63 (BCN). Prezo: 25 €.
12 de novembro
River Café de Lleida, ás 23.00 horas. Prezo: 18€, anticipada 15€.
13 de novembro
Sala La Mirona de Girona, ás 19.00 horas. Prezo: 18€, anticipada 15€. Concerto enmarcado no Festival Saltafolc.

07 de novembre 2005

Representación galega no Loop 05


A galería de arte Marisa Marimón participa no festival de videoarte Loop ’05, que se celebra en Barcelona entre o 10 e o 13 de novembro, cos traballos “1.400 Machadadas”, da parella de artistas portugueses Gusmao & Paiva, e “Polaris”, do compostelán Antón Cabaleiro. Neste certame poderán verse obras de máis de 350 artistas, repartidas por distintos puntos da cidade. Os proxectos que presenta a galería ourensá pertencen á rota do Eixample, e exhibiranse no Barceló Hotel Sants (Pl. Països Catalans, s/n).

03 de novembre 2005



CONTOS DE MORTOS
Mércores día 9 ás 20:30 h.
Galería Sargadelos
Provença, 276 (BCN)

( de moito, moito medo, uuuhhh!!)