30 de desembre 2005

X.L. Deus: "Foi un partido moi esperado"


O ex xogador do Deportivo, Xosé Luís Deus, autor de dous goles no partido de estrea da selección galega de fútbol, falou do encontro para Ergac:“foi un partido que todo o mundo estaba esperando, todos tiñamos gañas de que chegase. ¡E quen máis contento ca min, que marquei dous goles e podo pasar un pouco á historia despois de ser partícipe dun partido da nosa selección logo de tanto tempo”. Sobre o futuro da selección dixo: “sería bonito poder continuar con isto, e non só xogar nas épocas do Nadal senón tamén con mellor tempo”. Tamén se referiu aos adestradores, Arsenio e Fernando Vázquez, “é unha ledicia estar con eles”.

29 de desembre 2005

Galiza vence a Uruguai 3-2

A selección galega de fútbol impúxose, con menos problemas do esperado, á dúas veces campiona do mundo Uruguai. Galiza foi en todo momento dona do partido e creou moitas oportunidades de gol. Só a relaxación dos galegos nos derradeiros dez minutos permitiulle a Uruguai maquillar o resultado. Este é, sen dúbida, un comezo esperanzador para o fútbol galego. Este país quería e era capaz de máis, e hoxe demostrouse en San Lázaro. O programa de radio Galiza ...algo máis ofrecerá o vindeiro sábado 7 de xaneiro unha reportaxe completa con protagonistas do partido da man dos nosos correspondentes desprazados ao campo do Compostela, Pablo Aguiar e Diego Fernández. Lembrade: sábado 7 de xaneiro ás 17h no 103.2 da FM de Barcelona.

22 de desembre 2005

Luis Bará reúnese coas entidades galegas


O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará (BNG), visitou Barcelona o pasado martes 22 de decembro para reunirse cos representantes das diferentes entidades galegas. A reunión foi á noitiña no Centro Galego de Barcelona e a ela estaban convidados todos os colectivos galegos de Cataluña. Ademais das entidades de “toda a vida”, asistiron representantes do Foro Cívico Galego de BCN; dos Espazos Galegos dos Països Cataláns; As Garotas (grupo de hip hop); os lectores de galego da UB e da UAB; o director do coro Lonxe da Terra, César del Caño; Xurxo Bértola, editor de Vieiros BCN; Sotelo Blanco; a presidenta de Ergac, Ana Belén Real; e o escritor Xosé Lois García, entre outros.
Bará pediulles ás entidades que axuntaran esforzos e que traballaran todos xuntos dende unha “nova” federación, aínda que na propia reunión xa se puxo de manifesto a existencia de dous bandos, con ideas diferentes sobre o que ha de considerarse por cultura galega, escenificados no enfrontamento verbal entre, por unha banda, representantes dos Espazos dos Països Cataláns, e por outra, da Casa Galega de L’Hospitalet e da asociación Saudade.Luís Bará tamén anunciou durante a súa visita a posta en marcha unha programación cultural galega estable en Cataluña a partir da primavera.

21 de desembre 2005

Galiza algo máis, sábados de 17 a 18 h no 103.2 FM

O programa Galiza ... algo máis emítese todos os sábados de 17 a 18 h en Sants3Radio ( 103.2 FM de Barcelona ). Na foto, de esquerda a dereita, o equipo do programa: Martí Aviñoá, productor. Helena Domínguez e Suso Mon, presentadores. ESPERÁMOSTE todos os sábados!

19 de desembre 2005

Voluntarios lingüísticos para Galiza

Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, entrevistouse o 15 de decembro cos responsables do departamento homólogo da Generalitat de Cataluña. Este encontro quería servir para coñecer a experiencia catalá na normalización da lingua e mirar posibles formas de colaboración entre as dúas administracións. Ao parecer, a Xunta quere copiar o modelo catalán de Voluntaris per la Llengua, unha fórmula que consiste en crear parellas lingüísticas formadas por unha persoa catalanoparlante e outra que quere aprender catalán. As dúas persoas quedan unha hora á semana que lles vaia ben para falar de xeito informal, así ao tempo que se promove a aprendizaxe do catalán, prodúcese un intercambio cultural a dúas bandas. Como anécdota, apuntamos que ata Jordi Pujol se ofreceu como voluntario lingüístico e forma parella cun mozo arxentino.

17 de desembre 2005

O A Micro Pechado estará en pdf

Ergac comezará a distribuír a partir do vindeiro ano 2006 o boletín A Micro Pechado en formato pdf. Este sistema permitirá que os suscritores, ademais de recibir por correo tradicional a publicación en papel, poidan acceder aos contidos do boletín moito antes a través do seu correo electrónico. Con esta iniciativa, A Micro Pechado pretende que os seus lectores coñezan a tempo os actos da axenda cultural, unha sección moi valorada do boletín, e que ás veces chega aos nosos lectores un pouco desfasada por problemas na distribución. Todas as persoas interesadas en suscribirse a este servizo só teñen que comunicalo ao enderezo: amicropechado(arroba)yahoo.es

15 de desembre 2005

I Xornadas de Comunicación de Galicia


A presidenta de Ergac, Ana Belén Real, participou nas I Xornadas de Comunicación de Galicia que, nesta primeira edición, levaban o nome de "A Sociedade na información". No Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, lugar de celebración dos actos, tivo oportunidade de entrevistar a Ignacio Ramonet(esquerda) e a Ramón Chao (dereita), encargados da clausura das xornadas, o 2 de decembro.

12 de desembre 2005

Magosto 2005 en BCN


Un ano máis a mocidade galega de Barcelona axuntouse para festexar o magosto no xa emblemático merendeiro das Planes. Máis de 170 persoas segundo a organización, déronse cita o pasado 12 de novembro para gozar da música, da billarda, da carne, do viño e da augardente…

Porco Killing...

Cada unha das 36 persoas que viven en Santirso, unha pequena aldea do interior de Ourense, tiveron matanza case todolos días da semana pasada. "Hoxe temos que ir axudar a un, mañá imos axudar a outro e pasado mañá temos a nosa matanza e virán todos aquí".
Un comunismo espontáneo, involuntario, a xente axuda porque se necesitan uns a outros.

Aturuxos renova contidos



Un novo ATURUXOS, conducido polos irmáns Xosé Manuel (na foto) e Alberte Fernández Montes está a rachar as ondas radiofónicas de Barcelona. Cada luns de 21.00 a 23.00 horas atoparedes boa música, actualidade e humor intelixente. Novas seccións, novos colaboradores e... tamén premios para chamadas en directo. Si, si, premios. ¿Non coñecedes aínda este programa de radio?
Pois sintonizade Radio Ciutat Vella, CADA LUNS NO 100.4 DA FM (BCN)
BOAS FESTAS

07 de desembre 2005

Galiza: nin rastro de mulleres?

O Espazo Galego dos Països Catalans organiza unha xornada de presentación e formación do grupo de traballo "Galiza en feminino", que ten como obxetivo preparar o ciclo de introducción e achegamento da situación da muller na Galiza á sociedade catalá. Será o sábado, 17 de decembro do 2005 na Galería Sargadelos de Barcelona (Provença, 276)
Programa
18:00 h. Pica-pica de lingua
18:30 h. Presentación do proxecto debate, participación, propostas
19:30 h. Conclusións
20:00 h. Peche

04 de desembre 2005

Fallados os certames literarios da A.C. Rosalía de Castro


A Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellà deu coñecer o26 de novembro o fallo dos dous concursos literarios que organiza anualmente, o Certame de poesía “Rosalía de Castro” e o Certame de Narrativa “Rosa Reboredo”. As obras galardoadas cos primeiros premios, dotados con 1.000 euros, foron “Historia dos efectos”, de Raída Rodríguez Mosquera, e “Venres desesperado”, de Francisco Castro Veloso, en narrativa. Yolanda López e Rafael Xoán Muñoz foron os gañadores do segundo e terceiro premio de poesía, respectivamente. O xurado estivo composto por Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior; Lito Caramés, escritor e colaborador habitual de A Micro Pechado, o escritor Xosé Lamela Bautista, e Mª Xesús Lama, profesora de galego na UB, entre outras persoas.

03 de desembre 2005

Sara Vidal, nova voz de Luar na Lubre: "descubrindo a Galiza descubro a Portugal"


O 11 de Novembro, día de San Martiño, o grupo de música folk galega máis universal, Luar na Lubre, actuaba en Barcelona. Os Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña (ERGAC) tivemos a oportunidade, unhas horas antes da súa actuación, de entrevistar a Bieito Romero (Gaitas, acordeón e zanfoña), almamater na fundación e dirección de Luar na Lubre e a Sara Louraço Vidal, a nova e marabillosa voz do grupo chegada dende Lisboa. A entrevista completa publicarase no A Micro Peechado do mes de decembro.