30 de desembre 2005

X.L. Deus: "Foi un partido moi esperado"


O ex xogador do Deportivo, Xosé Luís Deus, autor de dous goles no partido de estrea da selección galega de fútbol, falou do encontro para Ergac:“foi un partido que todo o mundo estaba esperando, todos tiñamos gañas de que chegase. ¡E quen máis contento ca min, que marquei dous goles e podo pasar un pouco á historia despois de ser partícipe dun partido da nosa selección logo de tanto tempo”. Sobre o futuro da selección dixo: “sería bonito poder continuar con isto, e non só xogar nas épocas do Nadal senón tamén con mellor tempo”. Tamén se referiu aos adestradores, Arsenio e Fernando Vázquez, “é unha ledicia estar con eles”.

29 de desembre 2005

Galiza vence a Uruguai 3-2

A selección galega de fútbol impúxose, con menos problemas do esperado, á dúas veces campiona do mundo Uruguai. Galiza foi en todo momento dona do partido e creou moitas oportunidades de gol. Só a relaxación dos galegos nos derradeiros dez minutos permitiulle a Uruguai maquillar o resultado. Este é, sen dúbida, un comezo esperanzador para o fútbol galego. Este país quería e era capaz de máis, e hoxe demostrouse en San Lázaro. O programa de radio Galiza ...algo máis ofrecerá o vindeiro sábado 7 de xaneiro unha reportaxe completa con protagonistas do partido da man dos nosos correspondentes desprazados ao campo do Compostela, Pablo Aguiar e Diego Fernández. Lembrade: sábado 7 de xaneiro ás 17h no 103.2 da FM de Barcelona.

22 de desembre 2005

Luis Bará reúnese coas entidades galegas


O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará (BNG), visitou Barcelona o pasado martes 22 de decembro para reunirse cos representantes das diferentes entidades galegas. A reunión foi á noitiña no Centro Galego de Barcelona e a ela estaban convidados todos os colectivos galegos de Cataluña. Ademais das entidades de “toda a vida”, asistiron representantes do Foro Cívico Galego de BCN; dos Espazos Galegos dos Països Cataláns; As Garotas (grupo de hip hop); os lectores de galego da UB e da UAB; o director do coro Lonxe da Terra, César del Caño; Xurxo Bértola, editor de Vieiros BCN; Sotelo Blanco; a presidenta de Ergac, Ana Belén Real; e o escritor Xosé Lois García, entre outros.
Bará pediulles ás entidades que axuntaran esforzos e que traballaran todos xuntos dende unha “nova” federación, aínda que na propia reunión xa se puxo de manifesto a existencia de dous bandos, con ideas diferentes sobre o que ha de considerarse por cultura galega, escenificados no enfrontamento verbal entre, por unha banda, representantes dos Espazos dos Països Cataláns, e por outra, da Casa Galega de L’Hospitalet e da asociación Saudade.Luís Bará tamén anunciou durante a súa visita a posta en marcha unha programación cultural galega estable en Cataluña a partir da primavera.

21 de desembre 2005

Galiza algo máis, sábados de 17 a 18 h no 103.2 FM

O programa Galiza ... algo máis emítese todos os sábados de 17 a 18 h en Sants3Radio ( 103.2 FM de Barcelona ). Na foto, de esquerda a dereita, o equipo do programa: Martí Aviñoá, productor. Helena Domínguez e Suso Mon, presentadores. ESPERÁMOSTE todos os sábados!

19 de desembre 2005

Voluntarios lingüísticos para Galiza

Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, entrevistouse o 15 de decembro cos responsables do departamento homólogo da Generalitat de Cataluña. Este encontro quería servir para coñecer a experiencia catalá na normalización da lingua e mirar posibles formas de colaboración entre as dúas administracións. Ao parecer, a Xunta quere copiar o modelo catalán de Voluntaris per la Llengua, unha fórmula que consiste en crear parellas lingüísticas formadas por unha persoa catalanoparlante e outra que quere aprender catalán. As dúas persoas quedan unha hora á semana que lles vaia ben para falar de xeito informal, así ao tempo que se promove a aprendizaxe do catalán, prodúcese un intercambio cultural a dúas bandas. Como anécdota, apuntamos que ata Jordi Pujol se ofreceu como voluntario lingüístico e forma parella cun mozo arxentino.

17 de desembre 2005

O A Micro Pechado estará en pdf

Ergac comezará a distribuír a partir do vindeiro ano 2006 o boletín A Micro Pechado en formato pdf. Este sistema permitirá que os suscritores, ademais de recibir por correo tradicional a publicación en papel, poidan acceder aos contidos do boletín moito antes a través do seu correo electrónico. Con esta iniciativa, A Micro Pechado pretende que os seus lectores coñezan a tempo os actos da axenda cultural, unha sección moi valorada do boletín, e que ás veces chega aos nosos lectores un pouco desfasada por problemas na distribución. Todas as persoas interesadas en suscribirse a este servizo só teñen que comunicalo ao enderezo: amicropechado(arroba)yahoo.es

15 de desembre 2005

I Xornadas de Comunicación de Galicia


A presidenta de Ergac, Ana Belén Real, participou nas I Xornadas de Comunicación de Galicia que, nesta primeira edición, levaban o nome de "A Sociedade na información". No Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, lugar de celebración dos actos, tivo oportunidade de entrevistar a Ignacio Ramonet(esquerda) e a Ramón Chao (dereita), encargados da clausura das xornadas, o 2 de decembro.

12 de desembre 2005

Magosto 2005 en BCN


Un ano máis a mocidade galega de Barcelona axuntouse para festexar o magosto no xa emblemático merendeiro das Planes. Máis de 170 persoas segundo a organización, déronse cita o pasado 12 de novembro para gozar da música, da billarda, da carne, do viño e da augardente…

Porco Killing...

Cada unha das 36 persoas que viven en Santirso, unha pequena aldea do interior de Ourense, tiveron matanza case todolos días da semana pasada. "Hoxe temos que ir axudar a un, mañá imos axudar a outro e pasado mañá temos a nosa matanza e virán todos aquí".
Un comunismo espontáneo, involuntario, a xente axuda porque se necesitan uns a outros.

Aturuxos renova contidos



Un novo ATURUXOS, conducido polos irmáns Xosé Manuel (na foto) e Alberte Fernández Montes está a rachar as ondas radiofónicas de Barcelona. Cada luns de 21.00 a 23.00 horas atoparedes boa música, actualidade e humor intelixente. Novas seccións, novos colaboradores e... tamén premios para chamadas en directo. Si, si, premios. ¿Non coñecedes aínda este programa de radio?
Pois sintonizade Radio Ciutat Vella, CADA LUNS NO 100.4 DA FM (BCN)
BOAS FESTAS

07 de desembre 2005

Galiza: nin rastro de mulleres?

O Espazo Galego dos Països Catalans organiza unha xornada de presentación e formación do grupo de traballo "Galiza en feminino", que ten como obxetivo preparar o ciclo de introducción e achegamento da situación da muller na Galiza á sociedade catalá. Será o sábado, 17 de decembro do 2005 na Galería Sargadelos de Barcelona (Provença, 276)
Programa
18:00 h. Pica-pica de lingua
18:30 h. Presentación do proxecto debate, participación, propostas
19:30 h. Conclusións
20:00 h. Peche

04 de desembre 2005

Fallados os certames literarios da A.C. Rosalía de Castro


A Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellà deu coñecer o26 de novembro o fallo dos dous concursos literarios que organiza anualmente, o Certame de poesía “Rosalía de Castro” e o Certame de Narrativa “Rosa Reboredo”. As obras galardoadas cos primeiros premios, dotados con 1.000 euros, foron “Historia dos efectos”, de Raída Rodríguez Mosquera, e “Venres desesperado”, de Francisco Castro Veloso, en narrativa. Yolanda López e Rafael Xoán Muñoz foron os gañadores do segundo e terceiro premio de poesía, respectivamente. O xurado estivo composto por Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior; Lito Caramés, escritor e colaborador habitual de A Micro Pechado, o escritor Xosé Lamela Bautista, e Mª Xesús Lama, profesora de galego na UB, entre outras persoas.

03 de desembre 2005

Sara Vidal, nova voz de Luar na Lubre: "descubrindo a Galiza descubro a Portugal"


O 11 de Novembro, día de San Martiño, o grupo de música folk galega máis universal, Luar na Lubre, actuaba en Barcelona. Os Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña (ERGAC) tivemos a oportunidade, unhas horas antes da súa actuación, de entrevistar a Bieito Romero (Gaitas, acordeón e zanfoña), almamater na fundación e dirección de Luar na Lubre e a Sara Louraço Vidal, a nova e marabillosa voz do grupo chegada dende Lisboa. A entrevista completa publicarase no A Micro Peechado do mes de decembro.

27 de novembre 2005

Chegou a ola de frío polar

E no centro de Barcelona tamén se poden mercar castañas do Barco de Valdeorras. "Son as mellores", aclarou a señora, de Sarria, o domingo á noitiña, no seu posto a carón do mercado de Sant Antoni.

Estragan o busto de Rosalía de Castro en Mollet



Así quedou o busto de Rosalía de Castro, titulado "Mirando a Galicia", instalado na praza de Padrón de Mollet, logo dun acto vandálico do que se sabe moi pouco. Independents de Mollet pediulle ao Ajuntament que abrise unha investigación. A foto publicouna o diario gratuíto 20 Minutos, edición de Barcelona, o pasado 16 de novembro.

23 de novembre 2005

Nova directiva da Federación de Entidades

Presidente: Luís Lamas (Centro Galego de Barcelona)
Vicepresidenta: Isabel Ares (Irmandade Nosa Galiza de Mollet del Vallès)
Secretario: Domingo Balboa (Cova da Serpe)
Tesoureiro: Arsenio Castro (A.C. Toxos e Xestas)

19 de novembre 2005

Sobre o asociacionismo galego en Catalunya

Os que queiran afondar no coñecemento da realidade das entidades socioculturais galegas en Catalunya, poden botarlle un ollo á revista Renova Galiza. Lanzada o 25 de xullo de 2005 polo Foro Cívico Galego de Barcelona, esta publicación sobre pensamento cívico contén unha radiografía da comunidade galega e conta coas voces de moitas entidades, ademais das propias. Os que desexen coñecer a historia de Ergac, tamén poden facelo na vella web de Ergac.

Eleccións á Federación de Entidades Galegas

A Federación de Entidades Galegas de Catalunya (FEGC) celebra o domingo 20 de novembro eleccións á presidencia. Quince colectivos galegos con sede en terras catalás están chamados a elixir entre dous candidatos, Luís Lamas, director do Centro Galego de Barcelona (CGB), e Ernesto Lagarón, que exerce a actual dirección da FEGC e preside, á súa vez, a asociación Saudade. A FEGC foi creada en 1990 para xuntar os esforzos de todas as entidades galegas que estaban traballando en Catalunya na organización de todo tipo de actividades. Os Estatutos da federación establecen unha presidencia rotatoria cada dous anos, que estaría ocupada por cada unha das asociacións, mais na práctica, a actual dirección perpetuouse no poder durante 16 anos. Por outra banda, a Federación non inclúe as novas formas de asociacionismo galego que xurdiron en Barcelona nos últimos anos, e que aglutinan á xente máis nova e crítica, como os Espazos Galegos dos Països Cataláns, o grupo teatral Furafollas, o Foro Cívico Galego de Barcelona ou mesmo Ergac. Darémoslles conta do resultado destas eleccións e das incidencias que haxa.

Sarabela Teatro en Tortosa

O grupo Sarabela Teatro está por terras catalás o 22 de novembro, participando no Festival Internacional de Teatro de Tortosa, "Entre cultures". A compañía representará "Así que pasen 5 anos", de Federico García Lorca, baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda. Será ás 19'00 h, na Carpa Auditori.

O cinema político de Carlos Varela

A Galería Sargadelos de Barcelona, en colaboración co Espazo Galego dos Països Catalans, e a Facultat de Lletres da UAB, proxectan os días 21 e 22 de novembro o documentario Cineclube Carlos Varela (CCCV). O filme artella, a partir do material gravado polo realizador nos anos 70, unha memoria en celuloide das loitas populares na Galiza, así coma do propio e porfiado labor político do autor das imaxes, falecido prematuramente en 1980. En ambos os dous pases o director e montador da fita, Ramiro Ledo Cordeiro, participará nun coloquio final, aberto ao público.

Luns 21 de novembro: 20 h, Galería Sargadelos de Barcelona
C/Provença, 247-276

Martes 22 de novembro: 16.30 h, Universitat Autònoma de Barcelona
Aula 502, Facultat de Lletres

Centro de Documentación de Nunca Máis


A Plataforma Nunca Máis de Catalunya presentou o 19 de novembro o Centro de Documentación Nunca Máis de Catalunya, un espazo na rede que recompila "toda a documentación atesourada ao longo destes tres anos" pola plataforma, e que pronto terá unha sede física na Facultade de Náutica de Barcelona. Con este centro, a Plataforma quere dar a coñecer á sociedade "información completa e de calidade sobre a catástrofe do Prestige, sobre as súas causas, consecuencias e responsábeis". Ademais, con motivo do 3º aniversario do afundimento do Prestige, o colectivo tamén inaugurou na Galería Sargadelos de Barcelona (R/Provença, 276) a exposición "No País de Nunca Máis", con fotografías de Xurxo Lobato.

14 de novembre 2005

Dándolle vida aos Mortos


O mércores 9 de novembro a Galería Sargadelos encheu e escureceu o auditorio para escoitar historias do alén. A agrupación teatral Furafollas poñía en escena unha iniciativa moi interesante: contar contos. Neste caso Contos de Mortos. Todo aquel que coñece o universo galego sabe da pegada que ten o mundo de aló no de acó. Esa presenza do trasmundo nestoutro mundo de aquí foi recollida, como non, na tradición oral. No caso galego o patrimonio oral que xira ao redor desta temática é abraiante. Pero todo patrimonio debe ser actualizado e vivido para que sexa útil e mesmo para que continue o seu arrequecemento. E iso foi o que fixo Furafollas: dar voz e vida aos Contos de Mortos.Os compoñentes de Furafollas, negramente vestidos e coa cara branca de pantasma, foron desfilando polo entarimado poñendo intriga e desacougo no relato narrado e figurado por eles ao mesmo tempo. A conexión e complicidade co público foi absoluta. Un acerto sen dúbida esta nova proposta de Furafollas que, segundo anunciaron, terá periodicidade mensual. Así que en decembro volveran con Contos de Nadal.

13 de novembre 2005

"Els voluntaris del Prestige", tres anys desprès

El dilluns dia 14 de novembre a les 19.30 hores al Centre Cívic Sant Joan, s'inaugura l'exposició fotogràfica " Els voluntaris del Prestige", de Raimon Moreno, membre del col•lectiu fotogràfic Fotoitaca de l'AV de Sant Joan. Està previst fer una xerrada col•loqui per analitzar la situació actual, amb Vitor Manoel Cabral, representant de la plataforma Nunca Mais de Catalunya . Aquest treball, que està format per una trentena d'imatges que es van fer entre els dies 22 i 27 de desembre de 2002, vol plasmar l'esforç que la població civil va fer vers la tragèdia de l'enfonsament del petroler Prestige. La exposició romandrà oberta al Centre Cívic Sant Joan de Vilanova i la Geltrú fins al dia 2 de desembre.

Quince anos de Morriña


Con máis de 1.300 programas, “Morriña” é o espazo de Ergac con máis horas de emisión. Ao seu condutor, o ourensán Manolo Piñeiro, nado no extinto concello de Canedo, entroulle o becho da radio cando, como moitos outros restauradores galegos, comezou a colaborar cun emisora local proporcionando receitas de cociña. Pero non quedou aí a cousa, porque o 11 de setembro de 1990 saía en antena co seu propio programa, “Morriña”, dirixido á comunidade galega. Gústalle contar que nos seus comezos só dispuña de catro discos de música. Ata que día unha muller chamoulle á atención en directo por repetir sempre as mesmas cancións e, tras facer un chamamento aos oíntes, nunha semana xuntou máis de cen CDs. O programa de Piñeiro sempre está animado por un bo número de colaboradores, no estudio ou ao teléfono.

09 de novembre 2005

LUAR NA LUBRE de xira por Cataluña


O novo disco de Luar na Lubre, "Saudade", é unha homenaxe aos galegos emigrados en Latinoamérica e inclúe composicións feitas no exilio, poemas de Lorca en galego dedicados a Bos Aires, pandeiradas para o Che desde Venezuela e temas propios do grupo. Poderemos ver a presentación deste novo traballo en tres cidades catalás:
11 de novembro
L’Espai de Dansa i Música de la Generalitat de Catalunya, Travessera de Gràcia, 63 (BCN). Prezo: 25 €.
12 de novembro
River Café de Lleida, ás 23.00 horas. Prezo: 18€, anticipada 15€.
13 de novembro
Sala La Mirona de Girona, ás 19.00 horas. Prezo: 18€, anticipada 15€. Concerto enmarcado no Festival Saltafolc.

07 de novembre 2005

Representación galega no Loop 05


A galería de arte Marisa Marimón participa no festival de videoarte Loop ’05, que se celebra en Barcelona entre o 10 e o 13 de novembro, cos traballos “1.400 Machadadas”, da parella de artistas portugueses Gusmao & Paiva, e “Polaris”, do compostelán Antón Cabaleiro. Neste certame poderán verse obras de máis de 350 artistas, repartidas por distintos puntos da cidade. Os proxectos que presenta a galería ourensá pertencen á rota do Eixample, e exhibiranse no Barceló Hotel Sants (Pl. Països Catalans, s/n).

03 de novembre 2005



CONTOS DE MORTOS
Mércores día 9 ás 20:30 h.
Galería Sargadelos
Provença, 276 (BCN)

( de moito, moito medo, uuuhhh!!)

29 d’octubre 2005

Cursos de galego

A sección de Filologies Gallega i Portuguesa da Universitat de Barcelona anuncia que continúa aberto o prazo de matrícula ata o venres 4 de novembro nos cursos de lingua e cultura galegas nos seguintes niveis: galego oral, iniciación, perfeccionamento e extensión cultural. Os cursos están destinados aos/ás maiores de 17 anos que queiran iniciarse ou afondar no estudo na lingua e da cultura galegas, sexan ou non estudantes da Universitat de Barcelona. A matrícula é gratuita. Máis información

28 d’octubre 2005

Quen somos e que facemos

Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña (ERGAC) agrupa cinco programas en lingua galega, que se emiten en diferentes emisoras catalás. Ergac somos:
Aturuxos
Ràdio Ciutat Vella, 100.4FM (BCN) . Luns de 21 a 23 h
Morriña
Radio Unión, 88.0 FM (BCN) . Luns de 20 a 22 horas
Galicia máis cerca
R7P, 89.0 FM (Andorra). Martes e xoves de 20 a 21 h
Galiza...algo máis
Sants3Radio, 103.2 FM (BCN). Sábado de 17 a 18 h
Galicia no Vallés
Radio Mollet, 96.3 FM(Mollet del Vallés). Martes de 21 a 22 h

Tamén temos un boletín informativo de periodicidade mensual, A Micro Pechado, que xa vai polo número 67. Ten 8 páxinas e contén artigos de opinión, entrevistas e información sobre a comunidade galega en Cataluña. Ademais, na axenda recollemos todo o relacionado con Galiza nos Països Catalans: concertos, cursos, xornadas... etc. Se queres recibilo na túa casa, escríbenos: amicropechado(arroba)yahoo.es.

Rosalía en Mollet


A calquera galego que visite Barcelona por primeira vez chamaralle á atención a gran cantidade de bares e restaurantes galegos que existen. Os nomes deixan clara a súa procedencia e hai desde as denominacións clásicas dos emigrantes, tipo "Morriña", ata os nomes de vilas galegas ou outros máis simpáticos do tipo "O que faltaba". Aínda que iso non significa moito, porque tamén nos podemos levar sopresas e comprobar que na "marisquería rías de Arosa" só serven doners kebabs. Ademais dos bares, por Catalunya hai espalladas unha morea de prazas dedicadas aos grandes da cultura galega. Temos o parque Rosalía de Castro en Sant Andreu de la Barca (BCN), o parque Otero Predaio de Nou Barris (BCN), etc. En Mollet, unha vila da comarca do Vallés, tamén hai unha praza dedicada a Padrón. A Irmandade Galega desta vila inaugurou o pasado 16 de outubro un busto de Rosalía de Castro que agora adorna a praciña.

25 d’octubre 2005

Galiza ...algo máis (Unha tempada máis todos os sábados de 17 a 18 h no 103.2 da FM)

Unha tempada máis estará convosco o programa Galiza ... algo máis que se emite todos os sábados de 17 a 18 h en Sants3Radio ( 103.2 FM de Barcelona )

22 d’octubre 2005

“Mentres non haxa un equipo galego profesional, será moi difícil que se repitan estas victorias no Tour”

Estas declaracións fíxoas o ciclista galego Marcos Serrano, do equipo Liberty Seguros, en referencia ás dúas victorias galegas no pasado Tour de Francia. Serrano estivo en Barcelona participando na XLII Escalada a Montjuïc, a derradeira proba do ano. Os colaboradores de Ergac Pablo Aguiar e Marcos Conde fixéronlle unha entrevista que se emitiu no programa radiofónico "Galiza...algo máis" o sábado 22 de outubro. Tamén aparecerá publicada no nº 68 do boletín A Micro Pechado.

16 d’octubre 2005

O programa GALIZA ...algo máis en INTERNET.

Agora o GALIZA ...algo máis pódese escoitar tamén en INTERNET.

Dende calquera punto de Cataluña, Galiza ou mesmo do mundo escóitanos a través da rede www.Sants3Radio.com

UN SEMANARIO GALEGO NA RADIO CUNHA OLLADA DIFERENTE DO PAÍS

Todos os sábados de 17 a 18 h no 103.2 da FM
e tamén en www.Sants3Radio.com (Sants3Radio)

Unha xanela transparente e aberta á actualidade social, política e cultural dos galegos e galegas en Cataluña e tamén do que está a acontecer en Galiza.