29 de juny 2006

Estrea da Alameda Castelao en Sant Andreu


O Concello de Sant Andreu de la Barca inaugura o 2 de xullo unha alameda que leva o nome de Castelao, cun completo programa de actividades en homenaxe ao intelectual galeguista. A alameda está situada á entrada de Sant Andreu, pola Autovia del Baix, e conta con once monolitos que reproducen debuxos de Castelao, realizados por Sargadelos e doados pola Xunta de Galicia. O programa de actos inclúe unha exposición de Castelao na biblioteca de Aigüestortes, un concerto do grupo A Quenlla (1 de xullo, na Plaça de la Font de la Roda, ás 22.30h) e unha ofrenda floral a Rosalía de Castro, no parque que leva o seu nome, no barrio da Plana.

21 de juny 2006

Mostra de humor gráfico no Centro Galego


Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGaC) ten o pracer de convidarvos á inaguración da exposición de banda deseñada dun dos nosos membros, Xosé Manuel Fernández Montes, autor da viñeta de humor gráfico que todos os meses publica A Micro Pechado e un dos condutores do programa radiofónico "Aturuxos" (Radio Ciutat Vella, 100.4 FM BCN). O acto terá lugar o vindeiro día 1 de xullo, ás 20 horas, no Centro Galego de Barcelona e estará cheo de sorpresas.

20 de juny 2006

Inauguración de "Galicia en foco". Mércores 21


A galería Sargadelos de BCN acolle o 21 de xuño ás 20.00 horas a inauguración da exposición de fotoxornalismo Galicia en foco e a presentación do N. 20 da revista FerrolAnálisis
A presentación correrá a cargo do Cecilio Tieles, pianista, Carolina Camañes, profesora de Hª da Arte, e Xan Morales, Presidente do Club de Prensa de Ferrol.

17 de juny 2006

Homenaxe a Costa Clavell en Sargadelos


O escritor e xornalista Xavier Costa Clavell, nado en Chantada, faleceu o pasado 8 de maio en Barcelona, aos 82 anos. Costa Clavell conservou a súa afección pola escrita ata os seus últimos días; deixou como legado o froito de máis de medio século de dedicación ás letras e á difusión da cultura galega no exterior. Familia e amigos vanlle render homenaxe o 29 de xuño, na Galería Sargadelos, ás 20.00 horas

16 de juny 2006

O GRAN ENCONTRO folclórico


O Gran Encontro de "gallegos del Mundo" que se celebrou na pasada fin de semana -9, 10, 11 de xuño- no recinto do Fórum foi unha festa fundamentalmente folclórica. ¿ En qué nos baseamos para emitir este xuízo?, pois en imaxes coma esta: o presidente da asociación de empresarios galegos en Cataluña AEG-CAT Julio Fernández, promotor do ENCONTRO, aparece xunto a José Manuel Parada, folclorista por antonomasia da televisión española e doutros ámbitos, os dous xuntos tocan as "palmas" mentres tentan, supoñemos, arrincarse por "bulerías". Estes dous señores son nados en Galicia. Por certo que a isto algúns lle chaman: Cultura Gallega ! !Meus Deus, somo todos ateos!

14 de juny 2006

GRAN ENCONTRO da Trangallada

Se alguén ten dúbidas sobre qué vai este Gran Encontro de "Gallegos del Mundo"
pode ver as fotos da Cea de Gala no web do Encontro: http://www.netshooting.com/gala

E tampouco debería de perderse esta crónica:
http://www.galiciaconfidencial.com/archives/2006/06/o_encontro_folc.html#more

  1. O evento estivo presentado por Silvia Jato, que falou en español en todo momento, ó igual que fixo Julio Fernández, que preferiu utilizar o catalán na clausura. A presentadora luguesa acercouse a mesa onde estaba o presidente da Xunta e a súa dona, Ester Cid, cando ésta comezou a falar en galego, a presentadora invitouna a utilizar o español.
  2. O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, non estivo nada cómodo durante a presentación da 'Alianza' polo protagonismo que tivo Caixa Galicia, a pesar de que a participación das caixas era a partes iguais. O seu enfado foi en aumento cando Silvia Jato non o recoñeceu durante a presentación.
  3. Non foron poucos os empresarios e políticos que marcharon cunha mala impresión do evento, principalmente, porque comprobaron que había algúns que estaban nel co fin de aproveitarse das circunstancias.
  4. Impresionou o discurso do ex presidente da Generalitat, Jordi Pujol. "Foi o único que dixo algo con xeito, que loubou a capacidade empresarial dos galegos, a súa carraxe, o seu traballo", sinalan ó loubar o seu discurso "nada victimista" e "tremendamente positivo e cargado de futuro".

09 de juny 2006

Manifesto ante da celebración do "Gran Encontro de gallegos del mundo"

Diante da celebración do II "Gran Encontro (sic) de gallegos del mundo" (9, 10 e 11 de xuño) organizado pola Asociación de Empresarios Gallegos en Cataluña (AEGA-CAT) coa colaboración de Federación de Entidades Gallegas de Cataluña; que dá continuidade ao recinto do Fòrum, un recinto produtto da especulación que se intenta rendibilizar enchéndoo con contidos estraños á vida cultural da cidade, dende o ESPAZO GALEGO DOS PAÏSOS CATALANS queremos manifestar o noso rexeitamento a este tipo de acontecementos:

-DENUNCIAMOS que os organizadores queren que a xente confunda "galeguidade" con "empresariado galego". Entendemos que as grandes empresas unicamente se poden representar a elas mesmas e os seus intereses. Isto queda claro neste acto, onde os lemas "cultura" e "xentes" disfrazan o "encontro de emprendedores", que deixa de banda a suposta finalidade do evento.
-EXIXIMOS aos organizadores que expliquen claramente cales son os obxectivos da celebración, máis alá do envoltorio cultural co que a revisten.
-PREGUNTAMOS : se unha das supostas intencións do "encontro" é dar a coñecer a Galiza actual, por que os problemas reais da Galiza non aparecen enunciados en ningunha das conferencias ou actos programados? Estamos pensado especialmente naquelas condicións socio-laborais que obrigan as galegas e aos galegos a ir por "el mundo".
-INTERÉSANOS saber por que, si queren promocionar a cultura galega, esquécense dos seus signos de identidade, coma, por exemplo, a lingua, ausente na publicidade impresa. Denunciamos tamén a total ausencia do catalán, lingua propia da sociedade na que vivimos, tanto no programa como en toda a información e publicidade do acto. Realmente, quérese ofrece unha imaxe da Galiza libre de tópicos? Baseándonos no programa do "encontro", denunciamos que se promove unha visión reducionista, folclorista e acrítica da cultura galega que reduce a visión da Galiza ao folclorismo máis esencialista, buscando soamente a promoción empresarial descarada dalgún dos seus participantes.
-EXIXIMOS ás administracións públicas que especifiquen o seu grado de participación no proxecto. Referímonos á Xunta de Galicia, ao Concello de Barcelona, ás deputacións de Barcelona e Lugo, e á Generalitat de Catalunya. E, SOBRETODO: queremos saber si esta participación implica a inversión de cartos ou recursos públicos no acontecemento. Rexeitamos a falta de transparencia que envolve o "encontro". Esiximos que se aclaren as contas e os obxectivos reais deste acto. Si os empresarios queren facer propaganda política subliminal ou promoción das súas entidades lucrativas, que o fagan, pero cos seus cartos, e non cos das catalás e dos cataláns, nin cos das galegas e dos galegos, nin cos de ninguén.

Barcelona, 7 de xuño de 2006
Espazo Galego dos Països Catalans

05 de juny 2006

Berrogüetto na sala BIKINI. Sábado 10 ás 21h

Berrogüetto, unha das referencias da música folk galega, mestres na experimentación de mesturar o tradicional co contemporáneo, presentan o seu 4to. traballo titulado 10.0 que vén a conmemorar os 10 anos do Grupo.

Berrogüetto segue ofrecendo música galega que trascende as fronteiras de Galiza e neste 10.0 presenta o seu disco máis coral e acústico- dúas composicións por artista- refrexando a evolución personal da banda como factoria propia de ideas e duns músicos que sempre rexeitaron o pruducir por producir. Un traballo con viaxes evocadores e apostas influenciadas pola música contemporánea: dende o jazz ao pop.
Venda Anticipada 12 € no FNAC, Gong Discos, Carrefour, pàxina Web de Bikini: www.bikinibcn.com

Sábado 10 de xuño ás 21h na Sala Bikini C/Deu i Mata 105

01 de juny 2006

Morreu un símbolo da emigración


Un día do ano 1957, presentábase Manuel no porto da Coruña para despedires os seus pais, a súa irmá e a unha prima que emigraban a Buenos Aires. Nese intre foi cando o fotógrafo Manuel Ferrol captou unha instantánea que o converteu nunha imaxe de sobra coñecida por tódolos galegos. A fotografía de Manuel Ferrol amosa a dureza da despedida, as facianas de Manuel e mailo seu fillo expresan con sinceridade a dor que os invadiu naquel intre. Manuel Calo Marcote por poucos coñecido polo seu nome, foi enterrado onte en Fisterra. Vaise un símbolo da emigración, a imaxe e o sentimento non.