07 de febrer 2006

Febreiro farturento

Semella que febreiro se presta aos actos sociais porque neste mes teñen lugar varias celebracións da comunidade galega en Cataluña. Por unha banda, o 4 de febreiro, o Foro da Terra Galega homenaxeou no Hotel Princesa Sofía o “Galego do ano”, galardón que nesta ocasión recibiu Julio Fernández, o presidente de Filmax. Se queren saber máis desta celebración, poden consultar a revista “Raíces Gallegas”, que fala nesta reportaxe en pdf do Foro da Terra e de anteriores persoeiros homenaxeados.
Outra cita “selecta” que xa vai pola súa vixésimo cuarta edición é a Gran Noite de Galicia en Barcelona, unha cea-gala organizada pola Enxebre Xuntanza do Percebe, o 24 de febreiro no Hotel Rey Juan Carlos I. Como cada ano, a organización editou para o evento a revista Quien e prepara a entrega das insignias Percebe de Ouro e de Prata.
Por último, hai que apuntar que xa en marzo, o día 5, terá lugar o VI Concurso de Música e Baile Tradicional Galego en Cataluña, organizado pola Federación de Entidades Galegas de Catalunya. Poden descargar na rede as bases e a folla de inscrición.