14 de novembre 2005

Dándolle vida aos Mortos


O mércores 9 de novembro a Galería Sargadelos encheu e escureceu o auditorio para escoitar historias do alén. A agrupación teatral Furafollas poñía en escena unha iniciativa moi interesante: contar contos. Neste caso Contos de Mortos. Todo aquel que coñece o universo galego sabe da pegada que ten o mundo de aló no de acó. Esa presenza do trasmundo nestoutro mundo de aquí foi recollida, como non, na tradición oral. No caso galego o patrimonio oral que xira ao redor desta temática é abraiante. Pero todo patrimonio debe ser actualizado e vivido para que sexa útil e mesmo para que continue o seu arrequecemento. E iso foi o que fixo Furafollas: dar voz e vida aos Contos de Mortos.Os compoñentes de Furafollas, negramente vestidos e coa cara branca de pantasma, foron desfilando polo entarimado poñendo intriga e desacougo no relato narrado e figurado por eles ao mesmo tempo. A conexión e complicidade co público foi absoluta. Un acerto sen dúbida esta nova proposta de Furafollas que, segundo anunciaron, terá periodicidade mensual. Así que en decembro volveran con Contos de Nadal.